sábado, 13 de junio de 2015

UF!



Entrou na cafetería, prendeuse naqueles ollos, asombrouse e soubo que atopara algo... fixo uf e comezou a..., mirouna outra vez, e comezou a amala, a querela, pensou, e sentou á mesa mais achegada á cafeteira e sentiu..., uf, que comezaba a...
- Ola  ̶
dixo ela ̶, que queres?
- Quero... macela.

Ao día seguinte entrou á mesma hora e ela seguía alí e sentiu que, uf, que a quería, en serio, pensou.
- Ola  ̶dixo ela ̶, que queres?
- Quero... tila.

Ao terceiro día continuaba queréndoa e comezou a imaxinar e a necesitar, ao mesmo tempo, que ela estaba, que ela estivese, comezando a sentir iso tamém, uf.
- Ola, que queres?
- Quero... menta.

Ao cuarto día sentiu que xa non podía máis, que tiña que dicirllo. Teño que dicirllo, pensou, uf.
- Ola, que queres? -dixo ela.
- Quero... te -dixo el.

Ela abriu os ollos preguntando Como? e el dixo outra vez en baixiño Quero...te. E dixo Quero...te ao día seguinte e Quero te ao seguinte e ao cuarto día tamén dixo Quero...te e entón ela díxolle cos ollos Eu tamén.

RELATO TITULADO "UF " PERTENCENTE A UN FERMOSO LIBRO, PARA TER NA CASA E RELELO CANTAS VECES QUEIRAS:MADE IN GALIZA, DE SÉCHU SENDE.

No hay comentarios: